Monday 20 de May de 2024

Ferreira réndelle tributo ao San Cristovo o sábado e o domingo


Acabamos de pasar unha fin de semana extralonga en San Sadurniño -o luns foi festivo- que estivo marcada polo grande éxito do Festival do Río Castro celebrado en Naraío. Houbo bo tempo, o día transcorreu moi animado e sen incidencias e os grupos, con Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre como cabeza de cartel, deron de si o agardado: concertos espectaculares para gozar das músicas que se fan no País. Metidas como estamos no verán, a festa continúa aquí e acolá. E no noso concello temos dúas citas para a fin de semana: o San Cristovo en Ferreira de arriba o sábado e o domingo, e unha cita gastronómica coas bolas na sartén en Lamas durante o serán do sábado. Ademais, en Igrexafeita xa teñen abertas as reservas para o xantar popular que vai ter lugar na pista polideportiva da Torre o sábado 29.

O San Cristovo de Ferreira é unha das festas con máis raíz de San Sadurniño e unha das poucas que nunca, ou case nunca, queda por facer. Romaxe tradicional de merendadas, adoptou nos últimos anos, agás na pandemia, o formato de xantar veciñal celebrado nunha única xornada. Porén, neste 2023 recupera o xeito de sempre, con dous días de troula.

O sábado celebrarase misa na capela do santo a iso das 13:30h, seguida dunha sesión vermú animada pola orquestra D’Noche. A verbena da noite contará tanto con esta formación como co Dúo Estrellas.

O domingo 9 os actos relixiosos están postos para as 13:45h e, unha vez rematen, comezará unha “función” (sinónimo na nosa zona da parte festiva do mediodía) co Grupo Pasión.

A comisión optou por facer neste segundo día unha sesión vermú longa e suprimir a verbena da noite, seguindo así unha moda iniciada hai uns anos que hoxe está totalmente asentada nas celebracións patronais do rural galego.

Bolas na sartén en Lamas
A asociación veciñal Xuntanza de Lamas organiza, tamén o sábado, un encontro gastronómico para degustar as riquísimas e tradicionais bolas na tixola, acompañadas de xamón cocido, sobremesa e café. O prezo do prato son 14€ para persoas socias, 18€ as non socias e de balde para a rapazada menor de 12 anos.

A velada comezará ás 19:00h no local social do Chao de Lamas e contará coa actuación do grupo musical pontés No Cómbaro. O prazo para reservar finalizou este mércores, pero quizais quede algún sitio. Para sabelo hai que chamar ao 618 838 760 ou ao 664 203 738.

Avance do Biscordel
Por outra banda, a comisión de festas do Biscordel 2023, en Igrexafeita, anda xa cos preparativos das celebracións do mes de setembro. Por iso organizou un xantar para o sábado 29 de xullo a base de paella, codillo, sobremesa, café e licor. A comida irá precedida sobre as 14:30h dunha sesión vermú animada pola solista Tania. A cantante ferrolá proseguirá co seu repertorio durante a tarde e o serán.

O prezo do prato son 30 euros (15€ menores de 7 a 12 anos e de balde para rapazada ata 7 anos). As reservas poden facerse ata o día 26 de xullo chamando aos teléfonos 649 296 048 – 670 854 329 – 981 490 302.